Aberto prazo de inscrición Argos 2019

Aberto prazo de inscrición Argos 2019

Do 01 de outubro de 2019 ao 31 de maio de 2020

Traballo en equipo e ‘aprender facendo’ son as claves do Programa Argos da USC, que mantén aberta ata o 8 de novembro a súa inscrición para o alumnado de posgrao, máster, doutoramento ou últimos anos de grao, titulados/as das últimas promocións e persoal ou colaboradores integrados en grupos de investigación dos campus de Santiago e Lugo.   Argos está baseado en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo; a presenza dunha persoa con coñecementos de xestión empresariais; e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC que poderán ser empregados como a base do seu plan de empresa. O seu obxectivo é conformar equipos multidisciplinares aos que se lles facilitará acompañamento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente.   O programa comeza a última semana de novembro con entrevistas aos participantes, seguida da constitución dos equipos multidisciplinares con 4 ou 5 integrantes que, finalmente, desenvolverán un plan de empresa titorizados por persoal de Argos para presentalo ante un xurado. Haberá tamén unha sesión de adestramento en exterior (outdoor training) e de traballo en equipo.   Premios Ao remate do programa os plans entregados poderán optar a algunhas das dúas categorías de premios establecidas e dotadas con 3.000 euros cada unha (Argos Spin para proxectos baseados en resultados de investigación da USC, e Argos Enxeño para os xurdidos de ideas propias ou empresas do contorno de Santiago e Lugo) e seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación.   A inscrición pode facerse cumprimentando o formulario dispoñible en http://www.uninova.org/ ou en http://www.usc.es/avte/emprendemento.html, que deberá remitirse por correo electrónico a argos@usc.es. As persoas interesadas poden acadar máis información nos teléfonos 881.815.593 / 596 ou 982 822 854.   Argos é unha iniciativa conxunta da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e da incubadora de empresas Uninova coa colaboración das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. O programa conta ademáis co apoio da Deputación de Lugo, IGAPE e GAIN.

Ficha de inscrición: prema aquí

CONTACTO