|
| |
O edificio Emprendia acolle unha xornada de traballo sobre a internacionalización das empresas promovidas por RedEmprendia
Representantes do Parque Científico de Madrid, que engloba ás universidades Complutense e Autónoma, reuníronse este venres 18 en Compostela nunha xornada de traballo sobre a internacionalización das empresas promovidas pola rede universitaria iberoamericana de incubación de empresas RedEmprendia.
(18/12/2009)
A inauguración das xornadas tivo lugar ás 9.30 horas na sala de formación do edificio Emprendia da USC nunha sesión na que participaron o director do programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande, e o director técnico da Oficina da RedEmprendia na USC, Gustavo Marcos Cancelas.
O obxectivo da xornada foi o de facilitar a internacionalización das empresas tecnolóxicas promovidas pola RedEmprendia e coñecer de primeira man as capacidades que ofrece o Edificio Emprendia, como centro receptor temporal destas empresas, contribuíndo á súa internacionalización e apertura a novos mercados.
O encontro permitiu ademais facer unha posta en común da metodoloxía de traballo empregada en materia de incubación de empresas de base tecnolóxica, onde Uninova posúe o certificado de calidade, en procesos de incubación, segundo a norma internacional UNE-EN ISO 9001:2008.
A Red Universitaria Iberoamericana de Incubación de Empresas (RedEmprendia) foi creada no ano 2006 pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universitat de Barcelona co apoio do Banco Santander. Ao proxecto fóronse sumando rapidamente outras universidades latinoamericanas e españolas ata chegar ás quince institucións de ensinanza superior actualmente implicadas. O seu principal obxectivo é impulsar a denominada “terceira misión” das universidades con especial énfase na creación de empresas de base tecnolóxica no espazo iberoamericano de coñecemento baseándose nun emprendemento responsable, sostible e no progreso social, medioambiental e económico.
|
|
|
|
|